Balance e palmarés da I edición do Galician Freaky Film Festival de Vigo

 

Despois de tres xornadas nas que se puideron ver preto de 40 curtas galegas, nacionais e internacionais así como os concertos de Joao Tomba e Alféizar e a terrorífica mostra de Josef Méndez, o Galician Freaky Film Festival chega ao seu fin cos seus propósitos cumpridos.

Trátase, sen dúbida, dunha primeira edición (a anterior foi a 0) moi positiva, no que o público estivo moi implicado. Así, puido gozar de mais de seis horas do mellor cine friki ao longo de todo o certame e para elo encheron a Sala Videodrome para cada unha das sesións programadas. Ademais, eles foron os encargados de elixir aos gañadores do certame mediante o método máis estrambótico posible: un aplausómetro que recollía os vítores recibidos por cada curta.

Deste xeito os vencedores da primeira edición foron: Coplillas por Bombay de Jaume Miranda como a mellor curta de humor, 9 Pasos de Marisa Crespo e Moisés Romera como a mellor curta de arrepío e O neno do hórreo de Diego López Curros como a curta máis friki.

 

Diego López recibindo o galardón de mans do director do GFFF Juan de Castro

 

Tamén houbo un gran compromiso por parte da crítica e dos artistas que pasaron este ano polo certame, que non agocharon o seu entusiasmo por saber que se ían proxectar as súas obras.

Por suposto, tampouco se descoidou ningún detalle decorativo na sala Videodrome para facer unha estancia acorde á temática e que se puidese vivir unha experiencia única. Deste xeito, non só había máquinas recreativas antigas y moitos detalles frikis se non que, aproveitando a proximidade con Halloween, decorouse a sala con esqueletos, lápidas, manequíns aos que lles faltaban partes do corpo e unha infinidade de bichos de toda clase: arañas, escorpións…

En definitiva, a primeira edición do Galician Freaky Film Festival foi un rotundo éxito e a organización espera dar continuidade cada ano a gran variedade artística que existe en Galicia e fóra dela mantendo sempre os mesmos valores e buscando unha accesibilidade do público total a través de actividades paralelas e prezos populares.