Curtocircuito chega á súa XV edición: 29 setembro – 7 outubro

 

 

O Festival Internacional de Cine Curtocircuito de Santiago de Compostela chega á súa XV edición apostando polo audiovisual galego, como sinalou a pasada semana o responsable do festival, Pela del Álamo, que participou na presentación da programación xunto co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o director da Agadic, Jacobo Sutil. “Non é fácil para un evento cultural ter 15 edicións”, dixo Pela do Álamo, que sumou á aposta polas “novas linguaxes”, clásica neste festival, un xiro cara ao galego. “Nesta edición imos apostar máis polo noso”, resolveu. Cun total de 64 filmes en competición –dos cales 31 son estreas en España–, o festival deixa ver o seu lado máis internacional na sección oficial.

Esta edición ofrecerá retrospectivas sobre cineastas como Ulrich Seidl, Bertrand Mandico, Roberto Minervini ou Jessica Sarah Rinland. En total, os apartados Radar e Explora suman 47 películas de 22 países, nos que se recollen as “últimas tendencias do cinema mundial”, a etnografía experimental, as hibridacións entre documental e ficción, os retratos da mocidade, a experimentación con novas tecnoloxías da imaxe ou as reapropiacións. 
Ademais, na liña de aposta pola creación galega e de proximidade, á sección competitiva Planeta GZ o festival suma tres seccións novas centradas na produción audiovisual de proximidade: Curmaos, Terra e Supernova.
Curmaos, organizada en colaboración co Instituto Camoes, recolle e outorga unha liña estable aos filmes da lusofonía. Terra, pola súa banda, estará adicada a cineastas cunha traxectoria consolidada e céntrase nesta ocasión no galego Xacio Baño e Jaione Camborda; mentres que Supernova busca salvar a brecha entre os centros de formación e os circuítos profesionais coa proxección de 13 filmes dunha nova xeración de cineastas. Ademais destas seccións, Curtocircuito presenta as Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego, un conxunto de relatorios e debates organizados en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual nos que, por primeira vez, participarán representantes das catro xeracións en activo do audiovisual galego.
CINEMA GALEGO
Ademais do antes mencionado Xacio Baño, (autor de Trote, presentado no Festival de San Sebastián) e a cineasta afincada en Galicia Jaione Camborda (Rapa das bestas, Arima), caben destacar os seguintes filmes galegos que se proxectarán no Festival:
Sección Explora (1): Uluru (Alberte Pagán)
Sección Planeta GZ (1): Un ollo de vidro (Noela Gutiérrez), Carta a Leningrado (Brandán Cerviño), Un país extraño (Laura Pousa), A nena azul (Sandra Sánchez), The film machine (Sonia y Miriam Albert-Sobrino)
Sección Planeta GZ (2)M. (Manuel Moldes – Pontevedra Suite, 1983-1987) (Ángel Santos)Trajectory Drift (Iván Castiñeiras), El espectrorium (Judith Adataberna), Caerán lóstregos do ceo (Adrián Canoura), O salvaxe leva o seu tempo (Oliver Laxe)
Sección Terra (Xacio Baño): Mostraranse os filmes do director Trote, Sobre a palabra escrita, Eco, Ser e voltar, Anacos e Estereoscopía
Sección Terra (Jaione Camborda): Mostraranse as curtas da directora: Rapa das bestas, Proba de axilidade, Arima, Lilit, Limbosm, Cabecera Novos Cinemas, e Cabecera Punto de Vista
Non nos esquecemos das Seccións Teenage Riot e Criaturas adicadas ó público adolescente e ós máis pequenos, respectivamente.
A maiores, hai dúas propostas de Curtocircuito que se presentan cunha mirada aínda máis local. A primeira será a Carta Branca a Ezequiel Méndez, fundador nos anos sesenta do Cinema-Club Universitario que achegou a Compostela a vangarda cinematográfica. A segunda proposta que une creación e música galega: a estrea de O espírito de Pucho Boedo, filme en que Lois Patiño rexistra á banda compostelá Novedades Carminha gravando a súa versión de A Santiago vou, o clásico dos Tamara.
Novedades Carminha estarán presentes tamén no festival realizando unha serie de accións de rúa para presentar a súa adaptación dese himno compostelán. A mesma liña seguirá a Festa do 15 aniversario, que terá lugar na Sala Malatesta o 5 de outubro e que contará coa actuación de Baiuca, con proxeccións de Adrián Canoura, DJ Firmeza e DJ Nigga Fox, Sunset Rollercoaster, 16 Pineapples ou Narcoléptica. Nos diferentes xurados que participarán nesta ocasión en Curtocircuito están figuras como Jean Pierre Rehm, Antonio Rodrígues, Jessica Sarah Rinland, Kikol Grau, Aarón Rodríguez Serrano, Antonio Durán ‘Morris’, Keina Espiñeira ou Sara Coleman.
O resto do programa de Curtocircuito completa a proposta tentando achegar o espírito explorador e interdisciplinar a ámbitos e públicos diversos. Por exemplo, profundarase na relación do cinema e a música coa colaboración de Lois Patiño e Novidades Carminha e coa proxección de Hello Hello: Le Ranaldo: Electric Trim, traballo de Fred Riedel sobre o proceso de creación do guitarrista de Sonic Youth, que continúa a sección Playlist. Tamén se repite a aposta de Arredor do Son, o conxunto de actividades que poñen en valor o son como medio de expresión artística e cinematográfica fronte á hexemonía da imaxe. Outra das actividades será a emisión do programa de radio El séptimo vicio de Radio 3, con tres emisións dende a Praza de Cervantes da man de Javier Tolentino.
Aquí podedes consultar as diversas conferencias e obradoiros  ós que poderedes asisitir, tanto para adultos como para estudantes e os máis pequenos.
Máis información na páxina web do evento
PROGRAMACIÓN