Palmarés do FIC BUEU 2018: “Matria”, mellor curta galega

Foto dos premiados
A sueca Fight on a swedish beach,  de Simon Vahlne, fíxose coa Ánfora de Ouro na XI edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que a pasada semana puxo fin a nove días de actividades e á proxección de máis de 80 traballos cunha gala de clausura que volveu encher o Centro Social do Mar. “O complexo e reflexivo ahondamiento nas tensións sociais contemporáneas, cunhas lixeiras pingas de ambigüidade e o emprego do absurdo” foron os razóns esgrimidas polo xurado para outorgarlle a esta peza o máximo galardón do certame, cunha dotación económica de 2.000 euros. Vahlne recibiu o premio de mans do rexedor budetense, Félix Juncal. A francesa (Fool time) job,de Gilles Cuvelier, recibiu o Ánfora de Prata, un premio entregado polo deputado Xosé Leal á colorista deste filme de animación Marine Blin.
Matria foi unha das triunfadoras da noite ao facerse co Premio R á Mellor Curta Galega -valorado en 500 euros- e tamén co Premio do Público, aínda que o seu director, Álvaro Gago, non puido acudir a unha gala que volveu estar conducida polo actor César Aldea (co acompañamento ao piano de Severiano Casalderrey) e que arrincou, como xa é habitual, cun fragmento dunha película a modo de mensaxe social. Nesta ocasión a elixida foi Esta terra é miña, de Jean Renoir, e a escena proxectada foi aquela en a que os dous protagonistas len aos seus alumnos a Declaración Universal dos Dereitos Humanos nunha Francia ocupada polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial.