Luz verde para a rodaxe de “Vivir2Veces”, o documental sobre Beiras

 

VIVIR2VECES, O DOCUMENTAL PROTAGONIZADO POR BEIRAS, SERÁ REALIDADE LOGO DO ÉXITO DA SÚA CAMPAÑA DE MECENADO

O crowdfunding na plataforma Verkami acadou en menos dun mes os 10.000 euros necesarios para financiar a rodaxe.

Máis de 200 aportacións cidadás, individuais e colectivas, están na base do éxito da convocatoria.  

Ata o 4 de agosto a campaña permanecerá activa co obxectivo de mellorar o tempo e os medios cos que se elaborará o documental

 

 

 

 

A produtora audiovisual OlloVivo, da que forman parte Pepe Coira, Jorge Coira e Gaspar Broullón, codirectores deste proxecto acadou o seu obxectivo inicial: recadar os 10.000 euros necesarios para a rodaxe dunha longametraxe documental protagonizada por Xosé Manuel Beiras.

Pero aínda queda moito por facer. E é por iso que o proxecto continuará aberto á recepción de aportacións ata o vindeiro 4 de agosto, data límite fixada na plataforma Verkami. Segundo os responsables da produción “do que se trata é de ofrecerlle á cidadanía un documental o máis completo posible. Adicaremos cada euro recibido ata a fin da campaña a mellorar os tempos de produción e os recursos destinados á rodaxe. A contar mellor esta historia, conversando con máis xente, visitando máis lugares. Ademais, non queremos que ninguén quede fóra. Gustaríanos que todos os que desexen formar parte desta iniciativa poidan facelo.”

O documental Beiras. Vivir2Veces achegaranos ao histórico líder nacionalista dun xeito próximo, descoñecido para a meirande parte da cidadanía galega. E é que Xosé Manuel Beiras é moito máis ca un referente político da historia contemporánea de Galicia. Beiras é tamén economista, profesor universitario, activista, escritor, tradutor e mesmo músico.

Esta será a primeira vez que Beiras acceda a repasar en profundidade a súa vida pública e privada nun documental, empregando a conversa con distintas personaxes e a visita a diferentes espazos e momentos que foron claves na súa vida e na nosa historia recente.

As aportacións cidadás por medio dunha campaña de micromecenado na plataforma Verkami, farán posible a posta en marcha deste proxecto. A campaña de crowdfunding comezou o pasado mes de xuño e remata o vindeiro 4 de agosto, polo que aquelas persoas interesadas en colaborar, aínda poden facelo no seguinte enderezo: http://vkm.is/beiras.

Segundo a cantidade aportada, que abrangue dende os 15 aos 500 euros, establécense unha serie de recompensas, como poden ser o acceso ao visionado online do documental, copias en DVD, carteis, ilustracións orixinais, convites á estrea ou mesmo pases do filme ou obradoiros coa presenza dos membros do equipo.