A Área Social do FICBUEU e La Caixa incorpora proxeccións no Centro Penitenciario da Lama

 

 

 

 

Ambas as dúas entidades avaliaron hoxe as actividades do último curso e avanzaron os obradoiros previstos para o próximo

O Centro Penitenciario da Lama sumarase no vindeiro curso á Área Social do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, apoiada pola Obra Social ’la Caixa’, segundo anunciaron esta mañá en rolda de prensa responsables de ambas as dúas entidades. O director do FICBUEU, Manuel Pena, fixo balance das actividades realizadas no último ano, que incluíu obradoiros cinematográficos e videofórums con media ducia de colectivos, ao tempo que avanzou novas propostas que se porán en marcha logo do festival de cine, que se celebrará entre o 7 e o 15 de setembro.

Entre elas atópanse as proxeccións mensuais para internos da Lama, con posterior debate sobre diferentes temáticas sociais. Tamén se suman ao proxecto cofinanciado por ’la Caixa’ a asociación de persoas con discapacidade intelectual Con Eles, de Vilagarcía de Arousa, e mais Down Pontevedra – Xuntos e a Fundación Secretariado Xitano en Pontevedra. As actividades a levar a cabo con estas entidades perfilaranse nos próximos meses, co obxectivo de “chegar a novos colectivos con esta idea de escola de cine itinerante”, apuntou Manuel Pena.

No entanto, repetiranse actividades coma os cinefórums con nenas e nenos ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ou coas persoas maiores usuarias dos centros de día Pescadoira e Contigo, en Bueu. No último curso, realizáronse asemade obradoiros co Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa, co centro da Asociación Juan XXIII en Cangas ou coa Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam). Na xornada inaugural do FICBUEU 2018 estrearanse as tres curtametraxes resultantes, nas que colaboraron rostros tan coñecidos coma ‘Morris’, Manquiña, Mónica Camaño, Francis Lorenzo ou David Amor.

A directora de área de Caixabank en Pontevedra, Cristina Vega, destacou que co apoio a todas estas accións “a Obra Social ’la Caixa’ procura xerar oportunidades en colectivos que por diferentes motivos teñen dificultades de acceso a artes coma o cinema”. Do mesmo xeito, sinalou que a colaboración iniciada en 2016 pasou dos 6.000 euros iniciais aos 15.000 actuais “para posibilitar un maior número de actividades e de persoas e entidades beneficiarias”.

Pola súa banda, a directora do centro da Asociación Juan XXIII en Cangas, Teresa Lagos, aproveitou o acto para “agradecer o empoderamento que a organización entende que por xustiza corresponde a todas as persoas e que a sociedade non sempre lles dá”, e subliñou que “non achegan só traballo e experiencias, senón emocións e un forte vínculo ademais”. Tamén a socia de Adicam Celia Fernández quixo “dar as grazas por unha experiencia inolvidable”.