Mamen Quintas (Ficción Producciones), Premio Muller Empresaria

 

Mamen Quintas, no medio

 

Mamen Quintas Cruceyra, xerente de Ficción Producciones, empresa de Santiago dedicada ao sector audiovisual, foi seleccionada pola súa traxectoria profesional e empresarial como a gañadora en Galicia do Premio Muller Empresaria 2018, impulsado por CaixaBank. O galardón, que se consolida a nivel nacional, ten como obxectivo contribuír a dar visibilidade ás líderes femininas do mundo corporativo.

Un xurado integrado por directivos territoriais de CaixaBank en Galicia escolleu a candidatura da gañadora na fase territorial deste premio despois de identificar e valorar diferentes propostas. Tras a fase territorial, un xurado formado polo comité de Diversidade de CaixaBank, composto por directivos membros do comité de dirección e polos líderes dos proxectos de diversidade, escollerá entre as 14 gañadoras territoriais á representante española nos premios IWEC Awards 2018 nun acto que se celebrará en Shanghái o próximo 9 de setembro, xunto a outras 219 empresarias de 39 países.

Para Emilio Barreiro, director territorial de CaixaBank en Galicia, “o compromiso social, que é un dos valores principais da entidade, permítenos contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e con máis igualdade de oportunidades. Por este motivo, impulsamos políticas e medidas que contribúan á igualdade de oportunidades e á diversidade, como, por exemplo, este Premio Muller Empresaria de CaixaBank”.

Pola súa banda, Mamen Quintas, cofundadora de Ficción Producciones, opina que “é unha absoluta honra ser proposta por CaixaBank, entidade que nos acompañou desde os nosos inicios, para un premio que aposta por mulleres comprometidas empresarialmente e co xénero”. “Estes premios”, engadiu, “son unha magnífica oportunidade de dar visibilidade ás mulleres que apostamos pola igualdade”.