Palmarés da MICE: “Os fillos da vide” (Ana Domínguez), mellor película galega

 

A XIII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego fixo entrega dos seus galardóns. A película alemano-española Grab and run de Roser Corella, sobre o a tradición do rapto de noivas no Kirguistán, acadou o premio á Mellor Película Etnográfica “por ser unha película crítica, por ofrecer unha visión poliédrica, polo impacto potencial que o filme ten na sociedade e por achegar o tema ao público xeral”, segundo a decisión do xurado. Por outra banda, o premio á Mellor Película Galega recaeu en Os fillos da vide de Ana Domínguez, unha viaxe persoal a través dos ciclos da vida e das estacións na súa terra natal, Valdeorras.

 

 

A elección deste filme para o premio xustificouse “polo ben tratado que está na película a parte humana e a tradición ancestral do viño”. Na parte cinematográfica o xurado considera que “funcionan moi ben a recreación do pasado, da comunidade e do traballo colectivo fronte ao problema actual do despoboamento do rural”. O xurado, formado por Elisenda Ardévol (antropóloga audiovisual e profesora da UOC), Miguel Alonso Cambrón (antropólogo especializado en etnografía sonora e membro de AGANTRO) e Manuel Precedo (presidente do Cineclube Padre Feijoo de Ourense), decidiron ademais facer unha mención especial ao documental Ohne Diese Welt de Nora Fingscheidt sobre a colonia menonita de fala alemana en Arxentina porque “combina á perfección a estética cinematográfica coa investigación, a crítica e a reflexión socioantropolóxica”. Doce filmes de dez países competían na sección oficial desta mostra.