“Beiras.Vivir2veces”, un documental con Xosé Manuel Beiras, da man da produtora “Ollo vivo”

Bota a andar o proxecto dcumental Beiras.Vivir2Veces, a que será a primeira longametraxe de OlloVivo, unha produtora audiovisual constituída por Pepe Coira (historiador, productor e guionista de series como Mareas Vivas ou Terra de Miranda), Jorge Coira (Gañador do Goya 2016 á mellor montaxe por El desconocido, de Dani de la Torre) e Gaspar Broullón (xornalista e realizador de filmes como Santa Liberdade, El País de Nomeacuerdo, Cuarta Pista ou numerosos programas de televisión como Galicia para o mundo), “tres profesionais independentes que buscaron un espazo onde desenvolver xuntos proxectos que, por algunha razón, se saísen do seu traballo habitual en cinema e televisión. OlloVivo é un lugar de encontro desde o cal Jorge, Gaspar e Pepe procuran unha ollada propia, comprometida cunha historia e cuns personaxes. Beiras. Vivir2Veces é, ademais, un proxecto codirixido por Gaspar, Pepe e Jorge, un traballo colectivo para construír unha historia libre e necesaria”.

 

 

Beiras.Vivir2Veces xorde das conversas co guionista, produtor e promotor cultural Fernando Rodríguez. Fernando Rodríguez ten publicado media ducia de libros entre os que destacan A Mala Idea, Miradas Ausencias e El tiempo todo, locura. No terreo documental ten producido obras como Patifas, Seis Estrelas ou Voluntarios no Camiño.

 

 

 

 

 

O PROXECTO

 

“Xosé Manuel Beiras é unha das figuras políticas e intelectuais máis destacadas dos últimos 50 anos en Galicia. Referente ideolóxico para boa parte do nacionalismo e a esquerda deste país, o seu pensamento e a súa acción están detrás dalgunhas das iniciativas políticas e sociais máis dinámicas dos últimos anos, non só no territorio galego. Político, economista, profesor universitario, activista, músico, tradutor, viaxeiro, fotógrafo, ensaísta, conversador… Xosé Manuel Beiras é un e moitos. E, con todo, estaba pendente abordar nun documental algo do que é, cal é a súa vida, cales son as súas vidas.

Hoxe Beiras está –relativamente- arredado da actividade pública. Pero mantén íntegra a súa paixón por comprender o mundo, por compartir a súa visión, por contrastala, por pensar o futuro, o presente, o pasado. Por iso, Beiras. Vivir2Veces non quere ser un filme sobre Beiras, senón un filme CON Beiras.

Con el, repasamos a súa traxectoria seguindo dúas pistas: dunha banda, os lugares que mellor o identifican; e doutra, as imaxes máis emblemáticas dun percorrido vital de oito décadas. Ese repaso da experiencia trénzase cunha das actividades predilectas do noso protagonista: a conversa.Ninguén, e menos Beiras, vive illado. Buscamos o encontro con algunha da xente coa que mellor falar das cuestións que máis o incumben, desde a arte ao territorio, desde a política á casa”.

 

 

Beiras. Vivir2Veces ten, naturalmente, dúas vidas. Dunha banda, a dunha longametraxe documental que fará o seu percorrido por festivais, salas, plataformas, televisións… Doutra, a dun webdoc, un espazo online onde sexas ti quen seleccione o material, onde poidas acceder ás charlas íntegras, ás reflexións sen cortes, onde debullar con calma na procura dos detalles.

Procuramos construír un espazo público de consulta online que permita a cada espectador elaborar a súa propia imaxe crítica sobre canto se reflexiona no proxecto, obter datos específicos de cada tema, gozar ao seu ritmo por este camiño cheo de historias”.

 

 

 

 

 

OlloVivo creou un enlace na web para poder participar activamente no desenvolvemento do documental. Ademais, por tratarse dun proxecto “contruído integramente con aportacións cidadás”, podedes participar nel. Para tal tarea, poderedes participar pronto por medio da plataforma Verkami. Polo momento podedes apuntarvos na lista de correo facilitada para recibir información ó respecto.

Beiras.Vivir2Veces, é un proxecto libre e crítico construído integramente con aportacións cidadás. Encantaríanos que participases de forma activa desde o seu inicio. Convidámoste a formar parte deste equipo desde xa.

Anímaste? Axiña empezará todo en Verkami, unha plataforma de creación colectiva desde onde poderás decidir como axudarnos a construír este proxecto. Apúntate á nosa lista de correo e manterémoste informad@ de cada paso.

Máis información en:

Páxina web do documental

Páxina de Facebook de OlloVivo

Twitter do documental