23-26: O XV Festival de Cans ofrecerá a súa programación máis ambiciosa

 

O XV Festival de Cans chega este mércores 23 coa súa edición máis completa e internacional coa estrea, por vez primeira no Festival, dunha Sección de Non Ficción chamada FuraCans que dende o Festival describen como de “filmes que exploran as diferentes variantes do documental e do cinema experimental”.

SECCIÓN OFICIAL

 

A Sección oficial constará de 3 bloques:

Ficción + Animación: Siglo XXI (David Fidalgo Amil), Peixes (Juan C. Pena), Sea (Sabrina Zerkowitz), Estela (Ariadna Cordal García), El reloj (Borja Santomé), Afterwork (Luis Usón, Andrés Aguilar), The film machine (Sonia e Miriam Albert Sobrino), REM (Xoán Bregua), Van (Claudia Alonso e Cristina Burgos), Pingas (Déborah Vukušic), Paxaro escuro (Simón Casal de Miguel), Matria (Álvaro Gago), La cuarta pared (Martín Caínzos), Escarabana (Sara Casasnovas), Die Höhle (A cova) (Xabier Rúa), Despúes de la bandera (Carlos Martínez-Peñalver Mas), Cortoterapia (O cómo superar una ruptura) (Pedro Sancho), Alicia (Lucas Terceiro), A cat in the window (Félix Brixel), Amanece despejado (María Vázquez, Bruno Máez)

 

 

FuraCans (Non Ficción): Tiempo (Alicia Alonso García), Rapa das bestas (Jaione Camborda), Marxes (Sara Chuerches), Forest (Guille Vázquez), La mujer invisible (Noemí Chantada), Europa (Hugo Amoedo), Charkpen (Esperanza) (Paulino Cadórniga), Americano (Fon Cortizo), Salitre nas veas (Adrián Canoura)

 

Fotograma de “Europa” (Hugo Amoedo)

 

Videoclips:

1. Peña – “Fai o que queiras”. Dirixe: Montse Piñeiro

2. Silvia Penide con Eladio Santos – “Sobre el mismo alambre”. Dirixe: Miryam Pato.

3. Selvática – “Sal y sangre”. Dirixe: José Miguel Sagüillo.

4. Ataque Escampe – “Papá borracho”. Dirixe: Mar Catarina.

5. You Dog!! – “The Battle of the Good Men”. Dirixen: Pablo Banga e Antonio Caeiro.

6. A Veces Ciclón – “Devalo”. Dirixe: Rubén Domínguez.

7. Linda Guilala – “Primavera negra”. Dirixe: Sara Chuerches.

8. Oh! Ayatollah – “Volve a canción protesta”. Dirixe: Xaime Miranda

9. Disco Las Palmeras! – “Hoy”. Dirixe: Javi Camino.

10. Baiuca – “Camiños”. Dirixe: Adrián Canoura.

11. Ezetaerre – “Acto I: O fío vermello”. Dirixe: Juan Pirola.

12. Breakin’ Bones – “Puertohurraco”. Dirixen: Daniel Alonso e Gemma Marqués.

13. Pantis – “Mar”. Dirixe: Rubén Domínguez.

14. Pólvora – “Isla Futura”. Dirixe: Soledad Rebollo.

15. Boyanka Kostova – “Eu non sei por que”. Dirixe: Alicia Alonso.

16. Chicharrón – “Suicidio tímido”. Dirixe: Xoan Escudero.

17. Mequetrefe – “Finlandia”. Dirixe: Xaime Miranda.

18. BALA – “Omertá”. Dirixe: Gero Costas.

 

LONGAMETRAXES

 

“A selección de longametraxes ten como columna vertebral tres filmes marcados por varias características en común: son pezas cun forte carácter xeracional e realizadas por cineastas novos, millennials debutantes no formato que pasaron xa por Cans como curtametraxistas e piden paso no cinema galego. Trátase de A estación violenta, de Anxos FazánsBritish Winters, de Roque Cameselle e Andrew Turner, e Sevilla y Gomorra, de Ángel Filgueira. Para Fazáns e Filgueira é a súa primeira longa, e no caso de Cameselle é a primeira que fai fóra do campo da animación. As tres películas teñen en común as historias de incerteza duns personaxes que afrontan dunha maneira ou outra o fin da súa mocidade, coas angurias vitais derivadas e os bares como escenario principal no que atopar bebidas e outras substancias para fuxir desa realidade que por veces ameaza con esmagalos. A estación violenta e British Winters compartirán o rol de filmes de apertura, mentres Sevilla y Gomorra estreará a programación audiovisual do novo espazo de Cans: o Invernadoiro”.

 

 

 

 

Completa a selección Versogramas, estrea en festivais de Galicia na que os consagrados Belén Montero e Juan Lesta parten da idea orixinal doutra millennial, Celia Parra, para realizar a primeira historia da videopoesía feita dende a perspectiva galega. Nas proxeccións dos catro filmes contaremos coa presenza de cineastas e protagonistas das mesmas.

 

EXTRACANS

 

A edición deste ano contará con diversas pezas internacionais a través da súa sección ExtraCans, que pasa a ser un “espazo no que se buscará a conexión de creadores e creadoras galegos con directores e directoras doutros países. Realizadores de Italia, Líbano, Portugal ou Brasil mostrarán as súas curtametraxes no festival, todas co nexo en común de que o traballo de profesionais galegos foi determinante para sacar os traballos adiante.

As curtametraxes que o público poderá ver serán Mon amour, mon ami, do italiano Adriano Valerio, que xa pasou por festivais coma o de Locarno ou Venecia e contou co vigués Diego Romero Suárez-Llanos na dirección de fotografía; Tshweesh da directora libanesa Fayrouz Serhal, producida pola produtora galega Zeitun Films e polo produtor Felipe Lage, tamén seleccionada no pasado festival de Locarno; Claudia, unha curta do portugués Miguel Pereira e con dirección de fotografía do compostelán Sergio Boado que proximamente comezará a súa andaina polo circuíto internacional de festivais; e El concepto de ironía, do realizador brasileiro residente en Budapest Sousa Haz, que rodou unha personalísima curtametraxe en Croacia arredor da convivencia de dous artistas galegos.

Esta sección, polo tanto, amosará obras dunha enorme calidade artística e fará visible o traballo de profesionais galegos que desenvolven o seu traballo en diversos ámbitos do audiovisual, pero que a priori non terían cabida no Festival por non adaptarse ás bases do concurso de curtametraxes”.

 

 

MINICANS

 

O Festival volve a lembrarse dos máis pequenos coas Seccións “Minicans”, e “Cans do futuro”:

“E faino reforzando e ampliando MiniCans, a súa programación infantil. O entorno do Parque do Río e espazos emblemáticos do festival como o Cuberto de Antonio, o Baixo de Carlos ou o Cuberto de Pato acollerán o venres 25 e o sábado 26 toda unha serie de actividades pensadas para que as desfruten as familias e, en particular, as nenas e nenos de máis de 3 anos. Dende as 17h00 do venres haberá obradoiros, música, proxeccións, maxia e ata unha degustación de Galletas Mariñeiras cortesía de Daveiga. A área do Parque, deseñada pola veciña de Cans e interiorista Isis Rodríguez, contará con postos de comida e parque infantil, todo elo pensado para facilitar o desfrute e participación da rapazada. Tanto o Parque como as salas permiten a total accesibilidade con carros de bebé, e o Festival poñerá autobuses adaptados dende o centro do Porriño ata Cans para facilitar o acceso á aldea.

A primeira actividade de MiniCans será o venres, co obradoiro de cine “Da imaxinación á pantalla”, do proxecto Participa Méliès que impulsa a Obra Social La Caixa, e do que o de Cans é o único festival galego escollido para participar. Nel, os pequenos e pequenas inícanse no cinema aprendendo a realizar unha curtametraxe empregando efectos especiais sinxelos á maneira do pioneiro da séptima arte Georges Méliès, e cunha tablet individual para que cada persoa do curso poida desenvolver a súa creatividade. O taller pode facerse conxuntamente entre toda a familia e está pensado para maiores de 8 anos.

O sábado tamén haberá oportunidade de aprender sobre cinema na Caixiña dos Mistos, unha vella caravana dos anos setenta acondicionada para o visionado de filmes e que estará aparcada no Parque do Río. Alí, ademais dun obradoiro de curtas con móbil impartido por Mr. Misto, haberá proxeccións periódicas de curtas. Esta actividade está feita co apoio de Gadis, fiel colaborador do Festival de Cans. Completa o programa de obradoiros o contacontos ilustrado sobre María Casares de Polo Correo do Vento, titulado Unha vida de cineno que nenos e nenas escoitarán un conto a medida que trazan un storyboard e aprenden sobre a vida da lendaria actriz galega.

 

 

Se no obradoiro de Polo Correo do Vento as rapazas e rapaces poden aproximarse ao cinema dende o debuxo, o programa de MiniCans tamén lles dá a oportunidade de facelo dende a maxia ou a música. Así, o Mago Paco levará a cabo o seu show O cinematomago, no que converte escenas de clásicos do cine nun espectáculo máxico en directo. A maxia estará presente doutra maneira co theremin de Paulo Nimoy: este instrumento musical deixa abraiado a calquera público cando se ve que quen o manexa non o toca, senón que o controla movendo as súas mans arredor dunha antena. O público máis novo terá a ocasión de desfrutalo en Therefilme, unha proxección didáctica na que Nimoy poñerá música en directo co seu theremin a diferentes secuencias, para explicar a relación entre imaxe e banda sonora de xeito divertido.

A parte de música e audiovisual complétase coa actuación e retrospectiva de clips de Magín Blanco, un dos referentes da música para nenas e nenos en Galicia e que estreará tamén en directo a canción oficial que compuxo para este Festival de Cans: “Cans & Cadelas”. A derradeira actividade de MiniCans será unha sesión de curtas de animación producidas por Chelo Loureiro, a homenaxeada co Premio Pedigree nesta edición do Festival. Unha parte fundamental do seu traballo son obras infantís aclamadas e premiadas pola súa calidade, e contaremos coa súa presenza para presentar tres delas, que teñen en común o seu carácter de conto: A flor máis grande do mundo, de Juan Pablo Etcheverry, O soldadiño de chumbo, de Virginia Curiá e Tomás Conde, e O xigante, de Julio Vanzeler e Luis da Matta Almeida.

 

O programa completo é o seguinte:

VENRES 25
17h30 | Parque do Río e Baixo de Carlos
Obradoiro de cine “Da imaxinación á pantalla” – Participa Méliès
20h00 | Baixo de Carlos
Proxección das obras realizadas no obradoiro “Da imaxinación á pantalla”

SÁBADO 26
11h00 | Baixo de Carlos
Proxección de curtas da iniciativa Participa Méliès
13h00 | Baixo de Carlos
Retrospectiva de videoclips de Magín Blanco
13h30 | Parque do Río
Concerto de Magín Blanco
16h00 | Parque do Río
A Caixiña dos Mistos. Inicio de proxeccións periódicas de curtametraxes
16h00 | Parque do Río
Obradoiro de curtas de animación con Mr. Misto
16h30 | Cuberto de Pato
O cinematomago, co Mago Paco
Prezo: 3€
17h30 | Cuberto de Antonio
Therefilme, con Paulo Nimoy
Prezo: 3€
19h00 | Cuberto de Pato
Unha vida de cine, con Polo Correo do Vento.
Prezo: 3€
20h00 | Parque do Río
Proxección das curtas realizadas no obradoiro de Mr. Misto
20h30 | Cuberto de Antonio
Sesión de curtas de animación producidas por Chelo Loureiro

 

 

Como outra actividades para os máis pequenos, destacar “Cans do futuro“: mércores, xoves e venres ás 10 da maña acudirán ó Baixo de Bugarín alumnos de institutos e colexios de toda Galicia cos seus centros. “Esta rapazada terá, como en anos anteriores, encontros con cineastas e intérpretes que van pasar polo festival, e poderán ver pezas audiovisuais de diferentes estilos. Cada centro educativo está en Cans unha mañá enteira, asiste a hora e media de proxección e encontro con actores e outra hora e media a unha visita guiada pola aldea. Ademais, no tempo de descanso poden facer a xa clásica foto de recordo das visitas a Cans: enriba do chimpín que se aparca xunto o Can de Pedra”.

 

COLOQUIOS

 

Como sinalan dende a súa web, “O Festival de Cans fará na súa 15ª edición unha gran aposta polos coloquios e encontros co público, que terán lugar no histórico Baixo do Moncho nas mañás que van do mércores 23 ao venres 26 de maio, sempre ás 11:30 horas (entrada libre ata completar un aforo máximo de 125 persoas).

Numerosas personalidades relevantes do mundo do audiovisual, que van desde actrices e actores ata directores e profesores, estarán presentes nestes coloquios, concibidos para abordar e poñer diante do público temas de actualidade que afectan ao mundo do cine, pero tamén á sociedade en xeral. Os coloquios de AISGE -promovidos co apoio da Fundación AISGE, que rexe os dereitos de actrices e actores- serán un dos grandes atractivos das matinais do Festival de Cans.

 

 

O mércores, 23 de maio, estes encontros abriranse cun coloquio sobre pioneiros no oficio da intepretación, onde se analizará a evolución da profesión de actriz e actor nas últimas cinco décadas. A presenza de Manuel Lourenzo, agora nun momento de gran popularidade polo seu papel de Vicente Otero “Terito” na serie Fariña, será un dos grandes atractivos destes coloquios. Máis aló de estar de actualidade, Lourenzo é unha figura dunha extraordinaria dimensión, tanto como dramaturgo, como ensaísta ou como actor nas orixes do teatro galego, e un gran narrador á hora de contar anécdotas arredor da súa ampla traxectoria. Neste coloquio, estará acompañado de Pilar Pereira, unha das actrices galegas de máis longa traxectoria, con multitude de papeis en máis de 50 anos de carreira en teatro e cine, incluíndo numerosas curtametraxes.

O xoves, 24 de maio analizaranse as desigualdades entre actrices e actores e o debate que se está producindo sobre todo nos últimos meses, coas actrices Berta Ojea, Tamara Canosa e Mariana Fernández como relatoras. Berta Ojea é unha actriz de amplísima traxectoria que acadou gran popularidade no cine co papel de Ofelia no filme La gran aventura de Mortadelo y Filemón de Javier Fesser, mais tamén unha profesional de referencia en ámbitos de igulaldade, desde a Secretaría de Igualdade que ocupa na Unión de Actores y Actrices. Pola súa parte Tamara Canosa, que acaba de rodar o filme Trote con Xacio Baño e participou en filmes como Pradolongo, co que acadou un Mestre Mateo á mellor actriz, é unha destacada activista na defensa dos dereitos das mulleres no audiovisual, ademais de ser a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual. O coloquio complétase coa presenza de Mariana Fernández, agora presente na serie Fariña, pero tamén moi popular polo seu papel de Maribel en O Show dos Tonechos. Mariana Fernández é ademais profesora da Universidade de Vigo, onde imparte clases de dirección escénica.

Por último, o venres 26 de maio, os Coloquios de AISGE estarán dedicados ao acoso sexual, tratando de analizar este tabú que se está derrubando desde hai uns meses. As actrices Nieve de Medina, coñecida por filmes como Los lunes al sol e El BolaNieves Rodríguez, Presidenta de AAAG (Asociación de actrices e actores de Galicia) e Isabel Blanco, delegada en Galicia de AISGE e Chimpín de Prata deste ano en Cans, protagonizarán o terceiro destes encontros”.

 

BORJA COBEAGA, ALFONSO ZARAUZA E ÁLVARO GAGO 

 

O venres 25 de maio ás 10,00 da mañá, o Baixo do Moncho acollerá o tradicional Café con CREA,  en colaboración coa Asociación de profesionais da dirección e a realización de Galicia e aberto ó público. “Nesta ocasión, o convidado será o guionista e realizador vasco Borja Cobeaga, que vén de dirixir Fe de etarras, pero anteriormente tamén outros filmes coñecidos como Pagafantas ou Negociador. Cobeaga tivo ademais un enorme éxito como guionista ao ser coautor do guión do popular filme Ocho apellidos vascos. Anteriormentetivo unha prolífica carreira como curtametraxista e incluso estivo nominado aos Oscar coa súa curta Éramos pocos.

O xoves 24 tamén terá lugar un interesante coloquio sobre o proceso do subtitulado e as posibilidades de accesibilidade a través dos subtítulos. O realizador e profesor da Universidade de Vigo Pablo Romero-Fresco estará neste coloquio cos realizadores Alfonso Zarauza e Álvaro Gago, recentemente premiado en Sundance pola súa curta Matria. Ambos cineastas filman habitualmente en galego e debatirán sobre as posibilidades, ás veces inexploradas, do subtitulado”.

 

 

 

GRACIA QUEREJETA E FERNANDO TRUEBA

 

Un dos pratos fortes desta edición será a presencia do director madrileño Fernando Trueba.  O director da oscarizada Bélle Epoque, ou de cintas tan aclamadas como Chico y Rita, ou El artista y la modelo estará o sábado 26 ás 12 horas no Espazo Mahou da Leira de Alicia. Ese mesmo día ás 17 horas, tocaralle o turno a Gracia Querejeta, outra das grandes realizadoras do noso país, e autora de filmes como El viaje del agua (Goya á mellor curta documental), ou a brillante longametraxe Siete mesas de billar francés entre outras.

 

Gracia Querejeta

 

Fernando Trueba

 

 

“¿A QUE ANDAS?” E “FILL@S DE CANS”

Na sección “Fillas e fillos de cans” cineastas cun vínculo estreito con Cans traen en primicia imaxes inéditas de filmes que aínda non foron estreados, “dando ó público fiel do Festival a oportunidade de botar unha primeira ollada a pezas que pronto comezarán o seu periplo por salas e festivais”. Este ano a selección está composta polas cintas La sombra de la ley de Dani de la Torre, Arima de Jaione Camborda, Trote (Xacio Baño), Nación de muchachos (Javi Camino), Sad Hill Unearthed (Guillermo de Oliveira), 3 (Blas Lamazares Fraile) e Tempo vertical (Lois Patiño).

 

 

En canto a sección “¿A que andas?”, en colaboración coa Asociación Galega de Guionistas, o Festival de Cans achegarase a filmes que están a pechar financiamento ou preto de iniciar a rodaxe. Ángeles Huerta falará de O corpo aberto, guión no que adapta un dos relatos de Arraianos de Xosé Luís Méndez Ferrín; Borja Cobeaga contaranos de que vai o seu novo filme Intríngulis; Olga Osorio a preparación da versión longa de Einstein-Rosen, a premiadísima curta que xa gañou máis de medio centenar de premios… e tamén a revisión do mito de María Solinha a cargo de Ignacio Vilar, o esperado filme de zombis A granxa dos malditos, de Roque Cameselle ou a aproximación ó Camiño de Santiago, Ursúas de Roi Fernández e Laura Villaverde.

 

 

 

 

HOMENAXES

 

Como xa publicamos no seu día nesta páxina, esta edición do Festival de Cans homenaxeará á produtora ferrolán Chelo Loureiro, seis veces nomeada ós premios Goya, galardón que recibiu o pasado ano por Decorado (Alberto Vázquez). Loureiro recibirá o Premio Pedigree 2018, o máximo galardón honorífico de Cans.

 

Loureiro posa co Goya pola curta “Decorado” (Alberto Vázquez)

 

Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o apoio que unha personalidade lle outorga ao festival e mais o labor dos veciños e veciñas de Cans, á actriz Isabel Blanco, unha teimuda defensora do Festival de Cans desde as súas primeiras edicións, e aos veciños Constante Romero e Chelo Casalmorto, propietarios do coñecidísimo “Cuberto de Chelo”, no que se proxectan as curtametraxes a concurso do festival.

 

Isabel Blanco
Chelo Casalmorto e Constante Romero

 

 

RADIO, EXPOSICIÓNS, LITERATURA, COCIÑA…

 

Por se todo isto fora pouco, cabe mencionar outras actividades como a emisión en directo do programa de radio El séptimo vicio (Radio 3), con Javier Lolentino (mércores 23). Tamén haberá lugar para diversas actividades como a retrospectiva do debuxante Luis Davila, o Can Parade, Cans Senior, Cansonoro, o roteiro literario-cinéfilo co escrito Carlos Meixide, a final de “Ollo de vidro”, concurso de Booktrailers e Booktubers, o Showcooking cos cociñeiros Mahou Lucía Freitas e Beni Couso ou a exhibición do filme sobre o Festival de Cans 2017, que leva por título Catorce Cans e está feito pola realizadora Isaura Docampo.

 

PROGRAMACIÓN COMPLETA POR DÍAS

PÁXINA WEB E DE FACEBOOK