O vigués Juan Pinzás presenta “El vientre de Europa” en Cannes o 12 de maio

 

O director vigués Juan Pinzás, único cineasta español recoñecido oficialmente polo movemento de vangarda “Dogma 95”, participará no Festival Internacional de Cine de Cannes (Francia), que comeza hoxe dia 8 ó 19 de maio, coa súa última película, El vientre de Europa. A nova cinta do cineasta vigués, nomeado ó Goya en 2014 por New York Shadows, será exhibida, fóra de competición, na sección Marché du Film, o sábado 12 de maio e será presentada polo propio director.

Ademais, Pinzás foi acreditado polo festival francés como membro da sección Producers Network, onde terá a oportunidade de mostrar o seu novo proxecto en desenvolvemento, Europa nombre de mujer, que ten previsto rodar en 2019 en París, Lisboa, Madrid e Galicia. Este título é a continuación de El vientre de Europa e a segunda parte da súa “triloxía europea”.

 

 

 

 

“Faime moita ilusión que a miña última película poida verse no Marché du Film do Festival de Cannes e ter a oportunidade de presentala persoalmente alí considéroo un privilexio”, afirmou o realizador. “Hai varios países que xa se interesaron pola compra e é unha oportunidade para abrir o mercado internacional”, valora. 

El vientre de Europa estreouse en cines en novembro do 2017 e foi rodada en Berlín e Madrid. Na película, que define como un «drama fantástico», o personaxe de Julián Pintos, alter ego do propio director, realiza unha viaxe introspectivo desde o ventre da nai ao ventre de Europa sen romper o cordón umbilical «nun universo onírico», explica. Seguindo o decálogo inventado polo propio realizador, o filme rodouse por fases cronolóxicas no outono, inverno, primavera e verán.