Diana López presenta en Pontevedra a súa primeira curta como directora

 

 

Diana López Varela presenta esta obra transgresora sobre a concepción absurda e ridícula do feminismo por parte de moitos homes dunha forma paródica e con toques de humor negro. O elenco artístico está formado polos ourensáns Fernando González e Laura Míguez, actores en series como Fontealba, Pazo de familia, Viradeira e membros da compañía teatral Il Maquinario. A estrea terá lugar na Sala Karma de Pontevedra o vindeiro sábado 5 de maio ás 21.00h e estará aberta ao público.

Feminazi é unha produción audiovisual dirixida pola guionista, escritora e blogueira Diana López Varela, a cal se enfronta á súa primeira dirección dunha obra cinematográfica. Producida por Diana co apoio de Abella Creativa e Ladybug Films, o filme trata a historia de Rocío e Manu, unha parella de trinta anos na que os roles tradicionais seguen fondamente arraigados. Unha parella feliz co seu feliz can, Coco, ao que Rocío quere esterilizar en contra da vontade de Manu.

Un equipo técnico feminino para unha historia feminista

 

A estrea contará coa presenza da directora Diana López Varela e de gran parte do equipo técnico, conformado case na súa totalidade por mulleres. “Foi unha decisión que tomamos para reivindicar o papel das mulleres profesionais no eido audiovisual, moito máis invisibilizadas que os homes”, en palabras de Diana.

Diana López Varela é guionista de televisión (actualmente en Land Rober Tunai Show) e colabora en diferentes publicacións como columnista. Escribiu e dirixiu a exitosa obra de teatro breve Non é país para conas e escribiu o ensaio feminista do mesmo nome, do cal xa saíu a súa quinta edición. Entre os seus traballos como guionista destacan a longametraxe Memorias dun home en pixama, o documental de Canle + Explosión de series, o documental para TVG 25 anos de cinema galego, a segunda tempada da webserie Clases do social, a curta musical Superpunky e dúas longametraxes rodadas en República Dominicana.

 

 

Nesta ocasión, busca presentar unha historia que narra unha relación de parella na que Rocío, logo de recordarlle a Manu (o seu noivo), as responsabilidades que teñen en común acude a una reunión feminista. A partir dunha discusión entre ambos, os feitos que van acaecendo fan que a situación se volva máis e máis rocambolesca. Feminazi é unha parodia da concepción do feminismo que teñen moitos homes e no que os prexuízos e o descoñecemento, fan ter unha idea terxiversada coa que xulgan a partir da súa ignorancia. Partindo da súa experiencia persoal como activista feminista, Diana López xogou a crear o pesadelo de calquera machirulo: unha feminazi. “Un ser mitolóxico fondamente arraigado nesta sociedade hetero-patriarcal que intenta desprestixiar constantemente ó principal movemento emancipador das mulleres.” Fan do humor negro e da sátira como instrumentos de comedia e reflexión, López crea a Rocío, unha muller farta do seu mozo e do machismo cotián, quen buscará axuda nunha asociación feminista. Ó final, esta tamén é a súa propia vinganza, a da autora e a das feministas que non queren pedir perdón por defender os seus dereitos e ameazan con tomar o poder por métodos moito máis drásticos. De momento é todo broma… ou non.