“Madre” de Rodrigo Sorogoyen, grande triunfadora do Redondela en Curto

Bágoas negras (Uxía Santiago), mellor curta galega

O Multiusos de A Xunqueira acolleu onte a cuarta e última xornada de proxeccións, que incluiu un coloquio co actor e director David Oeo en torno á súa curtametraxe Jaula, unha das 29 que estes días se exhibiron en Redondela. A actriz Cristina Maró e a edil de Cultura, Teresa Paris, deron a coñecer os premios a continuación.

A organización do festival cifrou en 3.500 os espectadores que visionaron as películas ó longo de esta semana, tendo en conta as sesións escolares que houbo en Redondela, Chapela e Soutomaior.

Precisamente un dos premios foi escollido polos alumnos cos seus votos: o premio do público da sección Andaina -que se adica a películas que abordan a diversidade funcional- foi para o IES María Soliña de Cangas polo filme Quixotes, rodado con actores da asociación Juan XXIII.

O sexto premio Andaina, dotado con 500 euros, correspondeu a Bellanca, dirixido por Víctor Notes. Está promovido pola asociación local Andaina, en favor de persoas con necesidades especiais.

Dentro dos 800 audiovisuais enviados a Redondela en Curto, a sección “Curtísimas” ofreceu cinco cunha metraxe inferior ós 4 minutos requeridos para a sección oficial. O premio, un smartphone, correspondeu a Raúl Navarro pola súa producción El mejor momento.

Redondela en Curto, que o ano próximo alcanzará a súa XV edición, tamén escolleu a mellor cinta producida en Galicia dentro da sección “Cine galego“, e que recaeu en Bágoas negras, de Uxía Santiago.

Nani Matos, Paula Requejo e Tino Gómez, protagonistas de “Bágoas negras”

 

PALMARÉS

-Premio do Xurado, dotado de 1.500€, á curtametraxe Madre, de Rodrigo Sorogoyen

-Premio do público, dotado de 1.000€, á curtametraxe Madre, de Rodrigo Sorogoyen

-Premio Andaina, dotado de 500€, á curtametraxe Bellanca, de Víctor Nores

-Premio Andaina aos colexios, dotado de 200€, á curtametraxe Quixotes, do IES María Soliño en colaboración coa Asociación Xoan XXIII

-Premio Cine Galego, consistente nun smartphone, á curtametraxe ‘Bágoas negras’, de Uxía Santiago

-Premio Curtísimas, consistente nun smartphone, á curtametraxe El mejor momento, de Raúl Navarro