O Festival de Cans entregará o Premio Pedigree 2018 á produtora Chelo Loureiro

Loureiro posa co Goya pola curta “Decorado” (Alberto Vázquez)

A Asociación Arela decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree 2018, o seu máximo galardón honorífico, á produtora ferrolá Chelo Loureiro, unha muller cun papel imprescindible na construcción do audiovisual galego nas últimas dúas décadas. Chelo Loureiro é unha das nosas produtoras máis recoñecidas e máis audaces, mais tamén unha persoa moi implicada socialmente na loita polo recoñecemento das mulleres dentro do eido audiovisual.

Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o apoio que unha personalidade lle outorga ao festival e mais o labor dos veciños e veciñas de Cans, á actriz Isabel Blanco, unha teimuda defensora do Festival de Cans desde as súas primeiras edicións, e aos veciños Constante Romero e Chelo Casalmorto, propietarios do coñecidísimo “Cuberto de Chelo”, no que se proxectan as curtametraxes a concurso do festival.

Todos eles recollerán o seu premio na “Noite das Homenaxes” que se celebrará o venres 25 de maio no Torreiro de Cans. O acto rematará coa colocación de estrela de Chelo Loureiro.

Por outra banda, a venda de entradas para as distintas proxeccións do festival continúa a bo ritmo. Tras esgotarse os pases para poder ver Casamance, la banda sonora de un viaje en menos de 48 horas, agora mesmo quedan menos de vinte entradas para poder ver as curtametraxes que forman parte de ExtraCans, a nosa nova sección internacional. Nos próximos días, a organización anunciará as datas de venda dos tradicionais packs de entradas para ver as curtametraxes da sección oficial a concurso +camisola do festival.

 

PREMIO PEDIGREE 2018: CHELO LOUREIRO

 

A filmografía como produtora de Chelo Loureiro (Ferrol, 1957) distínguese pola loita por dar a alternativa na dirección a xóvenes directores e directoras, por ser unha incansable captadora de novos talentos e pola súa continua teima en tentar que os creadores e creadoras galegos queden a traballar na súa terra. Chelo Loureiro é unha das grandes impulsoras da animación galega nos últimos anos e, nomeadamente das curtametraxes de animación, sendo coñecida polo seu traballo en obras como A tropa de trapo, ou en De profundis, con Miguelanxo Prado. Seis veces nominada aos premios Goya con filmes producidos por ela, o pasado ano pasado Chelo Loureiro fíxose co galardón á Mellor curtametraxe de animación como produtora de Decorado, do realizador Alberto Vázquez. Ademais, o filme Decorado, acaba de facerse tamén nos últimos días co Premio á Mellor Curtametraxe de Animación nos prestixiosos Premios Quirino de Animación Iberoamericana.

O mesmo Vázquez, Juan Pablo Etxeberry, ou David Fidalgo, forman parte da lista de valores que Loureiro captou e impulsou como creadores, e todos eles ben coñecidos polo público de Cans. O Festival quere recoñecer con este galardón a súa aposta polos novos talentos, o seu traballo continuo no desenvolvemento do cine de animación e a súa voz crítica na loita pola visibilidade das mulleres no audiovisual, a través de CIMA.

Chelo Loureiro recollerá así o testigo Miguel de Lira, homenaxeado o ano pasado, e deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas na Noite das Homenaxes, o venres 25 de maio. Continúa así completándose un grupo de recoñecidos Premios Pedigree compartido tamén con Emma Lustres, Luis Tosar, Celso Bugallo, Antón Reixa, Chete Lera, María Bouzas, María Pujalte, Mabel Rivera, Xavier Villaverde, Ernesto Chao, Antonio Durán “Morris”, Manuel Manquiña ou Javier Gutiérrez.

CHIMPÍNS DE PRATA “PREMIOS PEPE PUIME”

 

Isabel Blanco (Berna, Suíza, 1974) é ben coñecida por todos os seguidores do audiovisual galego, (Mareas VivasUn franco, 14 pesetas, etc.), e unha teimuda defensora do Festival de Cans desde as súas primeiras edicións. Cans quere premiar a predisposición absoluta que sempre tivo a colaborar co festival, especialmente nas tres últimas edicións, onde como delegada en Galicia de AISGE, o seu apoio resultou determinante para o futuro do Festival xusto cando atravesaba un dos momentos máis delicados da súa historia. Por todo este compromiso co festival, a organización decidiu premiala este ano co “Chimpín de prata – Premio Pepe Puime”, galardón que se outorga ás persoas que traballan no impulso e fomento do Festival de Cans.

Ademais, cada ano, a organización concede tamén un Chimpín de Prata aos veciños e veciñas que participan activamente na súa celebración. Nesta edición, o Chimpín de Prata irá a parar ás mans de Chelo Casalmorto e Constante Romero, dúas persoas volcadas co festival dende a súa primeira edición. Constante é un chimpineiroi habitual do festival e tamén o encargado de darlle forma cos seus coñecementos de carpintería aos pequenos cans amarelos que lucen os veciños e veciñas nos seus balcóns. Ademais, cada ano Constante e Chelo ceden o “Cuberto de Chelo” como espazo de proxección e organizan na súa propiedade, xunto con outros veciños, o muro da Costa Azul, unha pequena exposición que eles mesmos crearon ao longo da historia do Festival de Cans.

Nesta edición do Festival de Cans as os tres recibirán tamén cadanseu Chimpín de Prata a noite do venres 25 de maio, pero ademais, no caso de Chelo Casalmorto e Constante Romero, colocarán o seu chimpín no “Muro dos chimpíns”, o espazo co que o festival quere perpetuar o agradecemento aos veciños, do mesmo xeito que o Torreiro das Estrelas o fai cos profesionais do audiovisual.