Presentado o Conecta Fiction 2018. 18-21 xuño en Santiago

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e mais a directora de Conecta FICTION, Géraldine Gonard, presentaron a representantes do sector audiovisual galego as novidades da vindeira edición deste encontro internacional de ficción televisiva, así como as oportunidades de promoción e de participación que atoparán nel.

Promovido pola Xunta de Galicia, ICEX España Exportación e Inversiones e Fundación SGAE, a segunda edición de Conecta FICTION terá lugar en Santiago de Compostela do 18 ao 21 de xuño, onde reunirá profesionais e creativos de series de televisión procedentes de toda España, o resto de Europa, América Latina e EE.UU. de fala hispana.

Ademais do encontro profesional, Conecta FICTION incorpora este ano un festival de series aberto ao público xeral e un acto específico de difusión do audiovisual galego, que terá lugar na Sala Capitol o 19 de xuño. Ademais, o evento continúa a sumar socios e colaboradores estratéxicos. Entre eles, RTVE, que anunciou precisamente hoxe o reforzo da súa presenza mediante o financiamento do desenvolvemento dun dos proxectos presentados e co impulso dun novo pitching de series dixitais a través da súa plataforma Playz.