O Festival Primavera do Cine presenta o seu cartel máis revolucionario

Juan de Castro e María Llauguer

 

O festival Primavera do Cine en Vigo deu a coñecer esta semana o cartel da súa  sétima edición, un traballo da deseñadora e publicista María Llauger. A peza gráfica  representa tanto o carácter revolucionario que ten o festival, reflexada pola bandeira  vermella, coma a entrada da nova estación, simbolizada polo conxunto de tres cores  que semellan unha flor e que son tamén as cores de Galicia e Brasil.

O Primavera do Cine, que se celebrará entre o 8 e o 13 de maio, recibiu un total de 283  filmes a concurso, batendo o seu propio récord. Finalmente desde organización  seleccionaron cerca de 50 obras que se poderán ver nas distintas sedes coas que  contará o evento.

 

O FESTIVAL

 

Os obxectivos cos que naceu o Primavera seguen vixentes ano tras ano, por iso, a  entidade organizadora, Reencanto Produccións, promoverá a consolidación do audiovisual galego e lusófono e ofreceralles un espazo que sirva para impulsar as súas  obras.

Como vén sendo habitual, o Primavera contará coas tres categorías orixinais:  curtametraxes, longametraxes e videoclips ó que se suma un apartado especial adicado á animación, un tipo de cinema que cada vez ten máis protagonismo en  Galicia.

As longametraxes poderanse ver no Auditorio do Concello de Vigo, os filmes lusófonos  no Instituto Camões e as curtas no Marco. Ademais, o Primavera contará co apoio de  dúas sedes máis. Por un lado AFundación, onde terá lugar entre o 9 e o 11 de maio o  ciclo de Cine Miúdo, unha actividade infantil que ensina ós escolares de infantil e  primaria a relación que existe entre a música e o cinema. Por outro, Multicines Norte,  que se unirá á proxección dos filmes galegos.

Doutra banda, o evento contará igualmente cun xurado profesional composto por  personalidades referentes no seu sector e manterá o clásico premio do público, un  acto que serve para facer partícipes a todas as persoas que asistan ás proxeccións.

Brasil será o país convidado desta sétima edición e do que se poderá coñecer, a través  dunha coidada retrospectiva, o novo cinema brasileiro. Sen dúbida, a mellor ocasión  para profundar na cultura cinematográfica desta rexión.

ACTOS PARALELOS

O Primavera do Cine en Vigo tamén buscará ampliar a súa oferta con diferentes  actividades paralelas para achegar o audiovisual a toda a cidade.

Entre elas destaca o cinema ó aire libre o 4 e 5 de maio no que se proxectará Vigo 1972, un documental de Roi Cagiao que narra a folga máis grande de Galicia sendo  Vigo unha das cidades máis implicadas. A folga consegiu non só grades dereitos para a  clase obreira, senón que tamén tivo en xaque ó rexime franquista durante máis de quince días.

O Primavera do Cine en Vigo quere rememorar esta conquista dos traballadores e  traballadoras proxectando o filme nos barrios que máis peso tiveron nesta reivindicación histórica: Coia e Teis.