Santiago acollerá en outubro un obradoiro EAVE para produtores audiovisuais

 

Foto de Jakob Owens en Unsplash

Santiago de Compostela será a sede no vindeiro mes de outubro dun dos talleres para produtores audiovisuais do recoñecido programa formativo EAVE (European Audiovisual Entrepreneurs), ó que acudirán 51 participantes de 36 países, xunto cos profesionais galegos que teñen reservada unha das sesións do encontro.

Así se recolle no convenio asinado entre Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Kristina Trapp, directora executiva de Les Entrepeneurs de l’Audiovisuale Européen, asociación sen ánimo de lucro con sede en Luxemburgo. Co acordo, que foi subscrito no marco do European Film Market da Berlinale, a Xunta sitúa o audiovisual galego nunha rede estratéxica de contactos integrada na actualidade por máis de 1.400 profesionais de todo o mundo, xestores de fondos, asesores legais e financeiros e representantes de festivais e mercados internacionais.

O que terá lugar na capital de Galicia será o último taller de 2018 do EAVE Producers Workshop, despois dos previstos en Luxemburgo o vindeiro mes de marzo e en Stavanger (Noruega) en xuño. Impartirase durante sete días e estará especializado no desenvolvemento de proxectos audiovisuais de ficción e documental. Un dos seus apartados orientarase especialmente cara aos produtores galegos a través da sección denominada EAVE@SantiagodeCompostela, un formato específico que combinará a longa experiencia que EAVE posúe no contexto internacional cun enfoque específico ás necesidades do sector en Galicia. O obxectivo é mellorar a capacidade dos asistentes no financiamento e xestión de proxectos en réxime de coprodución para poder enfrontar a realidade do mercado mundial.

O grupo de profesionais e proxectos galegos participantes nesta sección poderá acceder a reunións individuais con asesores expertos e a unha xornada de traballo en común especialmente deseñada para a industria galega, que correrá a cargo dun dos consultores internacionais que lideran o taller xeral.

Esta xornada desenvolverase integramente na Cidade da Cultura de Galicia, cun espazo matinal para a industria galega e outro pola tarde no que se xuntarán todos os profesionais seleccionados no EAVE Producers Workshop e que será transmitida en directo pola páxina de Facebook de EAVE. Ademais, os galegos participantes terán entrada libre e gratuíta a todas as sesións formativas e divulgativas de carácter plenario do EAVE.

O resto de asistentes ao taller xa foron seleccionados e serán 51 produtores procedentes de 36 países, que achegarán os seus 34 proxectos de ficción e documentais, despois de que se vaian configurando a través de distintas etapas e ao longo do ano nas dúas cidades previas de acollida.

Fundado en 1988, o EAVE está considerado como o principal programa de capacitación e desenvolvemento de produtores audiovisuais en Europa. Nos últimos anos, ampliou as súas oportunidades de formación con novas alianzas en América Latina e Asia. O Producers Workshop é o seu programa estrela, por ser un dos máis relevante e de maior éxito para a coprodución internacional en Europa. Moitos dos seus proxectos acadan bos resultados en recadación, vendas, distribución e presenza en festivais cinematográficos de primeira liña, e os premios máis importantes do mundo contan con títulos impulsados polo alumnado do EAVE.