“Matria” (Álvaro Gago), gran premio do Xurado en Sundance

 

Matria

 

A curtametraxe Matria de Álvaro Gago, único representante español en Sundance, alzouse co Gran Premio do Xurado na sección de curtametraxes do Festival norteamericano de cine independente. Segundo informou a compañía de comunicación Mad Avenue, tras coñece-la notva, Gago mostrouse emocionado polo recoñecemento: “Levo un bon rato intentando dixerir como me sinto. Extremadamente emocionado. Tan só espero que isto poida contribuir a derribar un dos maiores mitos en Galicia, iso de que as nosas mulleres están no poder, que vivimos nunha sociedade matriarcal. Non é así en absoluto, e temos que falar en serio sobre iso. Si estes premios axudan a iniciar unha conversación sobre ese tema sería das mellores noticias que poida recibir”.

Gago, que actualmente está montando a primeira longametraxe de Xacio Baño, Trote, dirixiu en 2015 a curta Bombolles durante o obradoiro de creación impartido por Abbas Kiarostami en Barcelona, e Currican en 2014, gañador en Curtocircuito e Cans.

Matria segue a historia de Ramona (Francisca Iglesias Bouzón), unha traballadora dunha fábrica de conservas da ría de Arousa, durante un día da súa vida. A protagonista afronta a incomunicación do seu matrimonio mentres trata de refuxiarse na relación que ten coa súa filla e coa súa neta.

Matria, que foi premiada en Seminci, Alcalá de Henares, Aguilar de Campo ou Cartaxena, continuará o seu gran recorrido por festivais participando nunhas semanas en Clermont-Ferrand. A curtametraxe é unha produción de Sombriza Films (Galicia) e Ringo Media (Cataluña) e está distribuido por Marvin&Wayne, que xusto hai un ano chegaban ós Oscars con outra curta, Timecode.

Deixa unha resposta