A curta “Matria” (Álvaro Gago), seleccionada para Sundance

Matria

 

A curtametraxe, protagonizada por unha traballadora dunha fábrica de conservas, xa fora premiada en diversos festivais españois, como a Seminci ou Alcine.

O Sundance Institute anunciou a lista de 69 curtametraxes da vindeira edición do célebre festival de cine independente, que se celebrará en Park City (Utah) entre o 18 e o 28 de xaneiro. E na sección International Narrative Short Films aparece Matria, unha obra do galego Álvaro Gago. A película conta xa cun exitoso paso por distintos festivais españois, tales como a Seminci de Valladolid, onde se levou o galardón a Mellor Curtametraxe Español, o festival Alcine de Alcalá de Henares, cos premios a Mellor Película e Mellor Actriz, ou o FICC de Cartagena, onde esta vez o recoñecemento levouno o director.

Matria segue a historia de Ramona (Francisca Iglesias Bouzón), unha traballadora dunha fábrica de conservas da ría de Arousa, durante un día da súa vida. A protagonista afronta a incomunicación do seu matrimonio mentres trata de refuxiarse na relación que ten coa súa filla e coa súa neta. Álvaro Gago busca así desmitificar a lenda do matriarcado en Galicia e dar voz a esas heroínas anónimas e silenciadas, como el mesmo explicaba nunha entrevista ó diario Faro de Vigo.

A película está producida por Sombriza Films en colaboración con Ringo Media (Cataluña), ademais de contar co apoio de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a distribución de Marvin & Wayne.

Deixa unha resposta