Martes 28N: Agapi organiza unha xornada en Santiago sobre “A produción como eixo dos proxectos”

 

AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) celebrará o vindeiro martes 28 de novembro, unhas xornadas dedicadas ao Audiovisual. Baixo o título “A produción como eixo dos proxectos” trataranse temas como os acordos de coprodución nas series de televisión ou a produción de cine de autor. Estas xornadas, subvencionadas pola Deputación de Coruña, terán lugar no Auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) en horario de 10.15 a 14:15h. Contarán cun programa moi completo e con ponentes de alto nivel.

As xornadas darán comezo o día 28 ás 10.15h e a inauguración correrá a cargo da presidenta de Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes), Dolores Ben. O primeiro relatorio (10.15-11h) “Acordos de coprodución nas series de televisión” estará conducida por Alfonso Blanco (Portocabo). A continuación, (11-11.45h) seguirá Daniel Froiz (Matriuska Producións) cun discurso centrado na “A visión do director de produción na organización do traballo”, a mañá seguirá coa intervención da produtora Emma Lustres (Vaca Films) que abordará “A importancia do produtor executivo” (12-12.45h), para pasar despois á análise por parte do produtor Koldo Zuazua (Kowalsky Films) sobre as particularidades de “Producir cine de autor” (12.45-13.30h). Pechará a xornada Rodrigo Espinel (Histbook Group) para tratar diversas cuestións relacionadas coa “Produción audiovisual e marketing dixital”.

A entrada ás xornadas é gratuita.

Prégase confirmación de asistencia no correo electrónico:prensa@agapi.org antes do vindeiro 25 de novembro.