24 outubro: II Edición do ciclo de cinema galego “Ficciónate” en Vigo

O ciclo de cinema galego Ficciónate presenta a súa segunda edición en Vigo

 

 

O venres 24 de novembro ás 20.30h na Sala Ártika de Vigo preséntase Ficciónate, o primeiro ciclo de cinema de curta duración que busca amosar os traballos dos novos talentos e alentar as novas xeracións a que produzan e creen industria creativa. No ciclo proxéctanse as obras Illa Pedra (dirixida por Adriana Páramo e protagonizada por María Tasende e Nerea Barros), Einstein-Rosen, da directora Olga Osorio (Premio Mestre Mateo 2017 á Mellor Curtametraxe de Ficción), Curricán (Álvaro Gago), Premio do Festival de Cans en 2015) e Superpunky, El Musical (Pablo Cacheda).O ciclo percorrerá diferentes concellos de Galicia proxectando estas obras coa presenza de representantes de cada filme. Vigo é a cuarta parada dun tour que percorrerá diferentes cidades e vilas galegas como Malpica, Pontevedra, Oleiros e Marín entre outras A entrada terá un custe de 5 € máis gastos de xestión a través de Ticketea ou na billeteira de Ártika. Posterior ás presentacións, haberá un aperitivo de produtos galegos.

Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación. Para finalizar cada evento, haberá un aperitivo cortesía de Adega Terra Brava, Pazo de Anzuxao, Ingapan, Casa Neiras e Fontecelta.

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Illa Pedra é unha curtametraxe de Adriana Páramo protagonizada por María Tasende e Nerea Barros que aborda o tema de emigración. Con tintes autobiográficos, a directora cóntanos a historia de Antía, quen deixa a súa terra e a súa mellor amiga Iria séntese traizoada. Einstein-Rosen narra a historia de dous irmáns, que, no verán do ano 1982 aseguran atopar un buraco de verme. Pola súa banda, Curricán de Álvaro Gago, narra as aventuras de Xoan Curricán na mariñeira Vilanova de Arousa, a súa vinculación co mar e o quefacer diario dun rapaz de aldea co seu avó e irmán. E dado que este ano os musicais están en plena efervescencia grazas ó fenómeno “La la land”, o musical Superpunky pecha a selección desta nova edición de Ficciónate. Protagonizado por Antea Rodríguez e Sabela Arán e coas notas musicais dos grupos Priscila e Monoulious DOP. Unha selección diversa en canto a temática, xénero e concepto audiovisual.

As entradas xa están á venda a través de Ticketea. O custe das entradas é de 5 € + gastos de xestión tanto na web de Ticketea como na propia billeteira da Sala Ártika.