‘I+P Ideas para Producir’ selecciona 15 proxectos de cine e TV para a súa sesión do 23 de novembro

 

Clúster Audiovisual Galego deu a coñecer a selección dos 15 proxectos para a undécima edición do pitching ‘I+P Ideas para Producir’, que se celebrará os días 22 e 23 de novembro en Santiago de Compostela.

Os 15 proxectos finalistas foron elixidos entre un total de 103 proxectos recibidos e analizados porlo Comité de Selección. Os traballos elixidos atópanse en distintas fases de desenvolvemento e inclúen longametraxes de ficción, documentais, series e outros formatos para televisión.

Os elixidos para a edición de 2017 son:

  • ‘El Santa Isabel’, longametraxe de Agallas Films.
  • ‘Tres flores sin piedad’, serie de televisión de CTV.
  • ‘Josefina’, longametraxe de Javier Marco.
  • ‘Millenials’, formato para televisión de Producciones Vigo.
  • ‘Einstein-Rosen’, longametraxe de Miss Movies Producciones.
  • ‘Historias Mínimas’, formato divulgativo para televisión de Tamboura Films.
  • ‘Animales Domésticos’, longametraxe de Sinpuerto Producciones.
  • ‘Calima’, serie de televisión de Jugoplástika.
  • ‘Rapa’, documental de Mondotropo.
  • ‘Press Office’, sitcom de Chema Gagino.
  • ‘Café de Noche’, serie de televisión de Eva Pérez.
  • ‘A Loita’, documental de Agallas Films.
  • ‘Youtuber en prácticas’, docureality de Chiripa.
  • ‘Vallecas Running Club’, serie de televisión de Dserie Producciones.
  • ‘La Ruta’, serie de televisión de Begoña Soler.

A sesión de pitching e as reunións one to one terán lugar o xoves 23 de novembro no Auditorio de Galicia. Os traballos serán presentados ante un auditorio formado por responsables de canais de televisión, productoras e distribuidoras de primer nivel como RTVE, Mediaset, Atresmedia, Movistar+, CRTVG, TV3, Canal Sur, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Plano a Plano, Boomerang TV, La Competencia, Ánima Kitchent, entre moitos outros.

Os proxectos seleccionados para a presente edición do pitching disfrutarán dun ano de inscrición gratuita no mercado online de Filmarket Hub, que ofrece a plataforma como empresa colaboradora do evento, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica.

Ademais, un foro do Clúster Audiovisual Galego analizará, o día 22 de novembro, a importancia do guión nas series transmedia e abordará as claves do éxito das ficcións que se apoian neste novo universo, que está cada vez máis de moda dentro do panorama audiovisual actual.

Baixo o título “A nova narrativa das series transmedia”, o Clúster Audiovisual celebrará na sala de conferencias do Centro Abanca Obra Social de Cervantes unha nova edición dos seus foros estratéxicos dirixida aos profesionais do sector galego, que contará co director do festival Mundos Digitales, Manuel Meijide, como moderador.

Durante o foro analizarase a evolución do transmedia como estratexia ata a creación dun universo propio da man do guionista e produtor Javier Olivares, creador, entre outras, das series de éxito “El Ministerio del Tiempo” (TVE 1) e  “Si fueras tú” (RTVE), a primeira ficción transmedia interactiva producida en España.

Para ofrecer o enfoque tecnolóxico deste novo modelo narrativo participará no foro Roberto Pérez, CTO e fundador de Future Lighthouse, estudio madrileño encargado de desenvolver os proxectos de realidade virtual de “El Ministerio del Tiempo”. Ministerio VR é unha experiencia única de realidade virtual na que se pode percorrer con algunhas personaxes da serie varios dos lugares máis recoñecibles do Ministerio, e vai un paso máis alá da primeira experiencia, xa que o usuario ten a posibilidade de camiñar e interactuar con obxectos e personaxes da serie.

Tamén se abordará nesta sesión o estado da produción de animación en 3D en Galicia da man de Julio Casal, CEO da compañía galega Ficción Producciones (“Hospital Real”, “O Códice”, “Augasquentes”, “Meñique”), quen explicará os antecedentes e a posta en marcha da serie de animación infantil “Tutú”, que se emite na canle Clan de TVE, e as súas diferentes ventás de explotación.

A asistencia ao foro é libre e gratuíta ata completar o aforo. Para asistir é necesario enviar cuberto o formulario que está dispoñible no sitio web do Clúster a comunicacion@clag.es. O prazo de inscrición está aberto ata as 13.00 horas do día 20 de novembro.

Nesta edición o “I+P, Ideas para Producir” conta co apoio do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Santiago de Compostela. E coa colaboración da Santiago de Compostela Film Commission, a plataforma Filmarket Hub, a compañía Music Library & SFX, o festival Mundos Digitales, o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual, as asociacións CREA e AGAG, Abanca Obra Social, e Galicia Calidade.