2-4 novembro: V Encontro de guionistas en Santiago

 

FAGA (Foro de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales), ALMA (Sindicato de Guionistas), e AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas), organizarán os vindeiros días 2, 3 e 4 de novembro o 5º Encontro de Guionistas que se celebrará por primeira vez en Galicia co apoio de Fundación SGAE, DAMA, Deputación da Coruña, AGADIC e Galicia Calidade.

O Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela será o lugar escollido para un evento que pretende ser un lugar de conexión e interacción entre guionistas profesionais de referencia para abordar os aspectos de maior actualidade na práctica profesional dos escritores de cine e televisión.

Así, o Encontro, que vai recibir a máis de 250 guionistas profesionais de todo o Estado, créase coa finalidade de promover a figura do guionista como primeiro creador da obra audiovisual, servir de espazo de unión, de intercabio de experiencias e métodos de traballo e ó mesmo tempo de foro no que debater sobre os retos creativos, tecnolóxicos e económicos que afronta o sector.

O Encontro está estructurado en 2 intensas xornadas artelladas en charlas de 20, 40 e, excepcionalmente 60 minutos, nos que máis de 60 profesionais abordarán temas de actualidade no mundo do guión, desde as tendencias actuais no cinema e a televisión ó impacto que tivo a entrada en xogo de plataformas dixitais como Movistar, Netflix ou HBO. Así como aspectos legais como o Estatuto de artista, debatido hai uns días na Subcomisión de Cultura do Congreso dos Deputados e que contou coas ponencias dos compañeiros guionistas Curro Royo, Vicepresidente de ALMA, e Carlos Ares, Presidente da Academia Galega do Audiovisual.

Ademáis das dúas xornadas, o encontro contará como ven sendo habitual cunha masterclass inaugural protagonizada por unha importante figura do panorama internacional que se dará a coñecer nos vindeiros días. Polo momento podedes consultar o programa que se irá actualizando nos vindeiros días.

Todo aquel que queira acudir pode formalizar a súa inscripción a través de info@encuentroguionistas.com

Deixámovos a información sobre as tarifas aquí. E se es estudante, date presa, as prazas son moi limitadas.