9-16 setembro: Cumpre 10 anos un dos mellores festivais de cine de Galicia: O FICBUEU

O décimo aniversario do FICBUEU “pecha un primeiro ciclo da historia do certame onde fomos camiñando ata converternos nun evento de marcado carácter internacional”, xa que no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) “pódense ver as mellores curtas feitas no mundo no último ano”. Así o expresou onte o seu director, Manuel Pena, durante a presentación do FICBUEU 2017 na que tamén participaron representantes do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, principais institucións cofinanciadoras.

Alén da alta calidade dos filmes que se proxectarán no Centro Social do Mar, Manuel Pena salientou novidades como a diversificación de espazos, destacando o demandado punto de encontro que se establecerá na veciña sala Amalia Domínguez, onde o público poderá reunirse para comentar as curtas, atoparse cos directores nas presentacións e coloquios ou gozar da exposición “10 anos de cine”. Ademais, os cineastas pasarán varios días na vila para participar de diferentes actividades. A maiores, refórzanse as propostas paralelas de ocio, gastronomía, contos, concertos, etc. “sempre buscándolles unha vinculación co mundo do cinema”.

 

 

En canto ás proxeccións, que abranguen un cento de curtas de corenta países, ás habituais Selección Oficial e Galicia únese este ano unha terceira sección competitiva para as obras españolas. O resto de pases e actividades serán de balde, agás o espectáculo de maxia. O director do FICBUEU destacou tamén o protagonismo que terá este ano a radio en directo, coa realización de varios programas de ámbito estatal, a entrega dun Premio de Honra aínda segredo e mais o encontro co actor Antonio Durán ‘Morris’ na xornada inaugural.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal apuntou pola súa banda que o FICBUEU “foi quen de avanzar, introducindo novos elementos que o fan máis atractivo e ilusionante, sen perder a súa esencia: a popularidade, pois trátase dun festival que está destinado ao conxunto da cidadanía”. Tamén o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, sinalou coma unha das chaves do éxito do certame que “comezou desde abaixo, xerando primeiro un público local e comarcal que dá vida á vila durante toda a semana”. O feito de ser “un festival multidisciplinar, que inclúe un labor formativo” valeulle o apoio da Deputación de Pontevedra, que ademais colaborará co concerto das Tanxugueiras na festa de peche.

Do mesmo xeito, o director da Agadic, Jacobo Sutil, valorou a “mentalidade de non acomodarse, de seguir mellorando ano a ano” con novas propostas, como un dos factores para que o certame conte con apoio autonómico, a maiores da alta calidade da programación. Neste senso, apuntou que festivais audiovisuais coma o FICBUEU son estratéxicos porque “permiten que os espectadores gocen de filmes aos que doutro xeito non tería acceso, supoñen unha plataforma de difusión do cine que se fai en Galicia e contribúen á formación de públicos”, así como á “dinamización cultural, social, económica e turística do territorio”.

HOMENAXE A ANTONIO DURÁN “MORRIS”
Antonio Durán en “Dhogs”
Ó longo desta fin de semana, os máis cinéfilos terán ocasión para disfrutar do lado máis didáctico do FICBUEU. Así, o público poderá asistir ás seguintes charlas impartidas polos profesores Castro de Paz e Concepción Cascajosa e polo realizador António Costa:

 

“O cine republicano en Galicia: Ramón Barreiro e o noticiario Folk”. Castro de Paz. Sábado 9 – 11:30h. Centro Social do Mar.

“Vértigo”, proxección e análise. Castro de Paz. Domingo 10 – 19:00h. Centro Social do Mar.

“Vivindo en serie. A ficción televisiva no mundo en que vivimos”. Concepción Cascajosa. Sábado 16 – 12:00h. Museo Massó.

“Galicia e Portugal, producir cine entre os dous lados da fronteira”. António Costa. Sábado 16 – 18:00h. Museo Massó.

 

RADIO EN DIRECTO

CINEASTAS INTERNACIONAIS

O Festival contará este ano coa presencia de catorce cineastas chegados de media ducia de países coma Grecia, Francia ou Eslovenia, entre eles un pequeno actor de tan só oito anos de idade. O público poderá atoparse con eles antes e despois das proxeccións no denominado “punto de encontro” do FICBUEU -unha das principais novidades da presente edición-, que se establecerá na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa, onde compartirá experiencias en contacto directo cos convidados.

O sábado 9 de setembro, a partir das 23.30 horas, desenvolverase o debate con autoras e autores das curtas da Sección Galicia, que se proxectarán na sesión previa. Entre o luns 11 e o venres 15 de setembro, haberá dúas opcións para reunirse coas e cos cineastas da Sección Oficial. Quen asista ao primeiro pase, poderá achegarse logo ao coloquio das 21.45 horas. As persoas que opten pola segunda sesión, con anterioridade poden acudir á presentación das curtas que ofrecerán as realizadoras e realizadores ás 21 horas.

Para facilitar a participación na conversa, contarase cunha persoa moderadora e outra tradutora. O punto de encontro, que nos días do festival abrirá as súas portas a partir das 19 horas, albergará tamén, entre outras actividades, a exposición “10 anos de cine”, que conmemora unha década de FICBUEU e na que moitos asistentes se atoparán, así como a barra do certame, onde que poderán tomar un petisco.

Por outra banda, as e os cineastas convidados participarán en actividades programadas especificamente para que poidan coñecer a vila e gozar dos seus atractivos naturais e culturais. Deste xeito, o xoves 14 realizarán unha ruta de sendeirismo por Cabo Udra e o venres 15 viaxarán á illa de Ons, mentres que o sábado 16 navegarán a bordo das embarcacións tradicionais da asociación Os Galos, tres experiencias auspiciadas por Turismo de Galicia. Ese día tamén acudirán ao encontro gastronómico que se desenvolverá na praza de abastos, un show cooking cortesía de Galicia Calidade no que un cociñeiro elaborará en directo un menú baseado en produtos galegos.

CLAVES DA PROGRAMACIÓN

 

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu contempla este ano a maior oferta de proxeccións e actividades das súas dez edicións. Ofreceranse dous pases diarios da Sección Oficial entre o luns 11 e o venres 15 de setembro, ás 19.45 e ás 22 horas, cun coloquio despois da primeira e presentacións antes da segunda. Durante a semana tamén se pasarán as seccións paralelas Comedia, Panorama, Latinoamérica, Animación e Irmandade co Festival Avanca, ás 18 horas. Na fin de semana previa, o sábado 9 á mesma hora e o domingo 10 ás 17 horas, amosaranse respectivamente as seleccións 10º Aniversario e Familiar, mentres que as 22 horas se desenvolverán as seccións Galicia e España, a galega con debate posterior.

En canto ás actividades complementarias, darán comezo este sábado co acto inaugural das 11 horas, que inclúe actuacións en directo, charlas, proxeccións e sesión vermú, mentres que pola tarde terá lugar o encontro co actor Antonio Durán ‘Morris’ e, a media noite, Luis Davila debuxará ao son da música. O domingo pola mañá entregaranse os premios aos traballos realizados en centros de ensino, nunha sesión solidaria á que lle seguirá o espectáculo do Cinematómago. Na tarde haberá contos de película e mais o visionado e análise de ‘Vértigo’. De luns a xoves, á hora do café gravarase o espazo radiofónico ‘El séptimo vicio’, mentres que martes e mércores pola mañá ofreceranse pases pechados para alumnado de Primaria.

A derradeira xornada, o sábado 16, arrincará cunha conferencia matinal sobre as series televisivas e pola tarde terá lugar outra charla sobre a coprodución de cinema entre Galicia e Portugal, tras a que se realizará ao vivo o programa de radio ‘Carne cruda’. Ás 21.30 horas arrincará a agardada gala de clausura, que inclúe a entrega de premios e que dará paso á festa de peche. Durante a semana desenvolveranse asemade o obradoiro de curtametraxe e mais a Ruta das Tapas 5 Estrelas organizada polo Concello, amais dunha nova edición da campaña na que Fecimo vestirá de cine os escaparates da vila.

ABONOS

LABOR SOCIAL-EDUCATIVA

Falar do FICBUEU non é só falar de cine. Vai moito máis alá de ser un mero evento de proxección das mellores curtas do panorama galego, nacional e internacional (que non é pouco, precisamente). o FICBUEU fai un esforzo notable non só para traer parte das mellores curtas do mundo a Bueu, senón tamén para promover outras ramas do sector audiovisual, como a mencionada emisión do programa Carne Cruda, o encontro co ilustrador Luis Davila, ou o espectáculo do Mago Paco. Pero tamén fai un grande esforzo pola promoción turística da zona, como a ruta das tapas, e por encima de todo, o FICBUEU pense cada ano nos que teñen máis difícil o acceso ó sector. Así, e notable a variedade de actividades que están pensadas nos máis pequenos, ós que se lles adican sesións como o FIC Solidario e as Seccións Xuvenil, Infantil e Escolas. Loable é tamén a creación o pasado ano da Área Social, na que o Festival contribúe para apoiar ós nenos hospitalizados, ós máis maiores e ós discapacitados intelectuais. Porque non todo é cine.

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu ofrece no seu décimo aniversario un completo programa que inclúe a proxección dun centenar de curtas e múltiples actividades paralelas. A continuación o cadro do cronograma, o resumen da programación e o catálogo en pdf para non perder ningún detalle do FICBUEU 2017. Podedes consultar os filmes que participan nas diferentes Sección no “Resumo da Programación” neste mesmo artículo máis abaixo, destacando, polo que nos toca, a Sección Galicia, na que poderes visionar algunhas das curtas máis relevantes desde último ano, como son Lembranza (Al Díaz)Néboa (Claudia Costafreda)Dear Tom (David Tembleque)As vacas de Wisconsin (Sara Traba) e as dúas grandes favoritas, as multipremiadas Einstein-Rosen (Olga Osorio) e Decorado (Alberto Vázquez). Tamén, outro realizador galego, o lugués Alberto Taibo Piñeiro, participará coa súa curta Leni K. na Sección Oficial (proxectarase na sesión do xoves 14).

 

 

 

Descarga aquí o catálogo completo.

 

RESUMO DA PROGRAMACIÓN

 

Sábado 9 – O cine galego é o protagonista

11:00 h Música de cine: concerto do cuarteto de jazz A Doce Vita, sons de cine.
11:45 h Acto inaugural: presentación do Noticiario Folk e estrea da curtametraxe Megalópole.
13:00 h Sesión vermú: apertura do Punto de Encontro e música en directo no exterior.
18:00 h Proxección Sección 10º Aniversario
19:45 h Encontro con Antonio Durán ‘Morris’, Premio Cine Galego FICBUEU 2017 (Museo Massó).
22:00 h Proxección Sección GaliciaLembranza (Al Díaz), Néboa (Claudia Costafreda), Dear Tom (David Tembleque), As vacas de Wisconsin (Sara Traba)Einstein-Rosen (Olga Osorio) e Decorado (Alberto Vázquez)
23:30 h Coloquio Sección Galicia cos directores e directoras (Punto de Encontro).
0:00 h Debuxando coa luz. Arte urbán animado a cargo de Luis Davila, con música en vivo da Banda de Música Artística de Bueu (exteriores Punto de Encontro).

Domingo 10 – Día do cine español e das actividades familiares

11:00 h Fic Solidario: Proxección dos finalistas e entrega de premios ás curtas escolares.
12:00 h Estrea do espectáculo de maxia El cinematómago, Mago Paco (Centro Social do Mar).
17:00 h Proxección Sección Familiar.
18:30 h Contos de película, sesión de contos que foron levados ó cine (Punto de Encontro).
19:00 h Proxección e posterior análise do filme Vertigo, de Alfred Hitchcock.
22:00 h Proxección Sección España23 de mayo (David Martín de los Santos), Renovable (Jon Maraño, Jose Mari Goenaga), Petrona (Hammudi Al-Rahmoun), La disco resplandece (Chema García Ibarra), El vestido (Javier Marco) e Timecode (Juanjo Giménez)

Luns 11 / Venres 15 – Sección Oficial e Paralelas

16:30 h Café en El séptimo vicio (programa de radio aberto ó público). Javier Tolentino charlará de luns a xoves cos directores das curtas. Cada día haberá unha banda en directo (Museo Massó).
18:00 h Proxección Sección Paralela.
19:00 h Apertura Punto de Encontro.
19:45 h Primeiro pase Sección Oficial. Á salida, no Punto de Encontro, coloquio cos directores das curtas proxectadas.
22:00 h Segundo pase Sección Oficial. Previamente, ás 21:00 h no Punto de Encontro, presentación das curtas a cargo dos seus directores.

Sábado 16 – Xornada de clausura

12:00 h “Viviendo en serie. A ficción televisiva no mundo no que vivimos”. Análise sobre o auxe das series de televisión e a súa forma de reflexar a actualidade (Museo Massó).
18:00 h Masterclass: “Galicia e Portugal, producir cine entre os dous lados da fronteira” (Museo Massó).
19:45 h Carne cruda tour en vivo. Actualidade, humor, música en directo e entrevistas ó Premio de Honor do FICBUEU 2017 e demais convidados.
21:30 h Gala de Clausura: entrega de premios e proxección das curtas gañadoras.
23:00 h Festa de Clausura e concerto de Tanxugueiras (Punto de Encontro).

Y además

Ruta das Tapas 5 estrellas
I Mercado da curtametraxe (Museo Massó)
Obradoiro de curtametraxe
Actividades para as e os cineastas

 

Máis información, na web do Festival e nas súas páxinas de Facebook, Twitter e Instagram