Pelerinaxes (Simone Saibene), primer premio no Festival Avanca de Portugal

O 5 de xullo de 1927, os escritores Otero Pedrayo, Vicente Risco e Bencho-Shey iniciaban unha peregrinación de Ourense a San Andrés de Teixido. A vivencia plasmouse nun posterior libro de nome Pelerinaxes I que inspirou a película documental Pelerinaxes, dirixida por Simone Saibene e que no pasado mes de xullo obtivo o premio como mellor documental na sección internacional de Televisión do Festival de Cinema de Avanca en Portugal. O galardón foi recibido ex aequo con Flames de Throwell e Decker.

O filme está protagonizado pola actriz lucense Carmen Méndez que da vida a Lucía, unha moza que decide recorrer as oito etapas que Pedrayo e compañía realizaron 90 anos atrás. O seu obxectivo é rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade por un compañeiro que falecera nun accidente.

Pelerinaxes xa foi finalista na categoría ‘Mellor documental’ nos Premios Mestre Mateo 2017, representou a Galicia no espazo CinéFil do Festival Interceltique de Lorient (Francia) 2016 e participou, entre outros, no Festival de Cornouaille (Francia), no 14º Indipendent International Film Festival de Daca (Bangladesh) e na VI edición do Primavera do Cine de Vigo.