CRTVG participará en 6 proxectos cinematográficos

CRTVG acordou a súa participación nos proxectos cinematográficos A sombra da lei, A visitante (Ons), Tempo vertical, Nación de los muchachos, Contou Rosalía e Tutu, en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual.

Despois da avaliación realizada pola Comisión Directiva de Programación da TVG, que analizou as distintas propostas presentadas, a canle pública galega acordou a participación da CRTVG nesta selección de proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%.

A sombra da lei é a segunda película do cineasta Dani de la Torre, que contaba xa coa valoración positiva da última comisión celebrada en setembro de 2016. Con Luis Tosar como protagonista (xa o foi na ópera prima do director El desconocido), esta produción de Vaca Films é un thriller de gángsters situado na Barcelona de principios do século XX, cun convulso trasfondo político e social.

De la Torre con Tosar na rodaxe de “El desconocido”

 

A visitante (Ons), un filme de Maruxiña Film Company, é a nova proposta cinematográfica do director galego Alfonso Zarauza (Os fenómenos, Encallados). Un matrimonio en crise, unha illa deshabitada e unha misteriosa muller estranxeira son os ingredientes principais da historia.

 

Alfonso Zarauza

 

No caso de Tempo vertical, trátase da segunda longametraxe de Lois Patiño (Costa da Morte), unha hibridación entre o documental e a ficción que ofrece unha reflexión sobre o tempo na vida e no cine. Co selo de Zeitun Films e rodada en galego, tratará de reflectir a realidade social galega, as súas tradicións e lendas.

 

Lois Patiño

 

En canto a Nación de los muchachos, é unha longametraxe documental sobre o mundo do circo, pero tamén unha utopía mística sobre unha democracia experimental baseada nun sistema pedagóxico revolucionario: Bemposta.

No terreo das miniseries, a TVG participará en Contou Rosalía, dirixida por Zaza Ceballos, protagonizada por Melania Cruz, no papel da escritora e producida por Zenit TV e que virá incrementar a colección de biopics de relevantes figuras femininas da nosa historia. Esta miniserie escolle un camiño menos evidente para achegarse á vida de Rosalía, centrándose na súa historia de amor con Manuel Murguía, pero utilizando como pano de fondo a novela El caballero de las botas azules. Con este exercicio, o proxecto pretende integrar as dúas grandes dimensións do romantismo rosaliano: a paixón e a ironía.

 

 

Finalmente, Tutu é unha nova entrega da serie de animación de Ficción Producciones, agora en 3D e cun paquete interactivo de xogos.